4/3/16

Miño canle de luz e néboa III

Ola e benvidos a unha nova entrada literaria do blog, que vai ser a derradeira deste poemario, e vou rematalo cun poema no que Manuel María fala do río Miño.

O deus Minius, nas orixes do tempo,
percurou, con teimuda paixón,
o lugar máis fermoso do universo:
non atopou nada que puidera
compararse, nin de lonxe, con Galiza.
Despois de contemplala longamente
namorouse dela para sempre.
Co desexo total de poseela
fíxose poderosísimo lóstrego
e caeu sobor da terra, feríndoa
co seu divino lume.

A terra
recibiuno, humilde e conmovida,
abriulle os brazos, o corazón,
todo o seu ser...

E fundíronse
nunha aperta perfecta, indisoluble.
O lóstrego volveuse auga cantora,
materia de orballos e de bágoas.
A terra ofrendoulle ó apaixonado río
o seu corpo xentil e feminino.
E o río deulle á terra xenerosa
a súa forza de deus omnipotente.

Cecais foi Roma quen primeiro intentou
domar, domesticar, disciplinar ó Miño
impoñéndole, ás libérrimas ondas,
o oprobioso xugo das súas pontes
aínda en pe as de Lugo e Ourense
desafiando xentes, idades e riadas.
Tamén as pontes se fixeron ríos,
organizaron as viaxeiras augas
que pagan portazgo con canciós.
E os seus grandes, alucinados ollos,
contemplan e vixían alertados
ós peixes, ós xacios e ás nereidas.

Poderoso Pai Miño, antergo e humano deus:
rexeitas os olimpos, ti vives con nós
-e en nós- na terra carnal de cada día
e agromas brinx¡candor, alegre, rumoroso
no Pedregal de Irimia, austero e grave.

Sendo infante, no convento de Meira,
aprendes -rosa rosae- un impuro latín
labrego e bárbaro e conservas fielmente
un misterioso, nobre, escuro acento.

Na infinita Terra Chá de lentos rimos
oficias a liturxia dos salgueiros,
da delicada e xentil abidueira,
dos ameneiros, freixos e carballos
no medio dun silencio irreplochable
e dun ceo tan gris que sobrecolle:
as cousas escóitano asombradas
e o universo non ousa respirar.

Cando chegas a Lugo, feito un home,
salvadas as portas da muralla,
urbanízaste
e, usando as leis de Roma,
os claros milagres de San Telmo
considerando, calado e reverente,
a purísima inocencia de San Paio
mentras un non saber, salgadoe luminoso,
che vai enchendo de sombra o corazón.

Existe un Miño poderoso e terrestre.
Mais a intuición e o sentimento
estannos a dicir moi claramente que
o Camiño de Santiago ou Vía Láctea
é o Miño celeste:
un río de luz
polo que, un día, habemos navegar.


- Mª José

No hay comentarios:

Publicar un comentario